A «Biblioteca Lovecraft» supera o seu ecuador cunha novela longa e un ensaio 14th Abril 2015 – Posted in: Mundo editorial, Novidades – Tags: , , , , , ,

Chegan ás librarías os volumes VIII e IX da «Biblioteca Lovecraft», cos títulos A procura soñada de Kadath a descoñecida e O terror sobrenatural na literatura

A procura soñada de Kadath a Descoñecida

A procura soñada de Kadath a Descoñecida

A publicación da «Biblioteca Lovecraft» avanza inexorábel xa superado o seu ecuador. Deixamos atrás o chamado «Ciclo de Cthulhu», que se compón dos relatos e novelas curtas máis recentes e asemade máis coñecidos do autor de Providence. Logo, internámonos no «Ciclo do Soño», que fechamos co volume VIII: A procura soñada de Kadath a descoñecida, a novela máis longa do autor e que relata as aventuras de Randolph Carter, experto soñador a quen coñecemos no volume anterior, na súa procura da cidade mítica de Kadath, alén do Deserto Frío, nos confíns do país do soño dos humanos.

Mais antes de abordar os últimos volumes da colección, que estarán dedicados aos chamados «Contos Macabros», obra dun Lovecraft máis novo e de gusto gótico, facemos unha pequena parada no eido da reflexión sobre a literatura arrepiante como realidade histórica.

o terror sobrenatural na literatura

o terror sobrenatural na literatura

O terror sobrenatural na literatura, noveno volume da colección, afonda na historia da literatura terrorífica, desde as súas orixes nos ritos máxicos e místicos do ser humano primitivo, até as primeiras décadas do século XX, onde se desenvolve o chamado «terror materialista» do que o propio Lovecraft é o maior expoñente. Trátase dunha obra indispensábel, un texto de referencia para todo amante da narrativa de medo, agora por primeira vez dispoñíbel na nosa lingua.