Comunicado de Urco Editora do 24/07/2019 24th Xullo 2019

Caras amigas:

En relación a un artigo de opinión publicado hai uns días nun xornal
galego, desde a Urco Editora e a Sacauntos S. Coop. Galega (á cal
pertence) queremos compartir con todas vós as seguintes palabras:

O noso colectivo séntese orgulloso e comprometido coa defensa de
certos valores que foron, son e serán claros e non deben deixar lugar
a dúbidas ou malos entendidos. O futuro en que cremos está construído
de moitas cores e entre elas a lilás é de grande importancia. Non
amparamos, defendemos nin apoiamos que a nosa liña editorial poida
servir de pretexto para pór en dúbida o noso compromiso con ese futuro
que queremos axudar a construír desde o noso pequeno recuncho da
Galiza.

Urco naceu como selo especializado na tradución de fantasía, ciencia
ficción e literatura terrorífica, mais aos poucos, como calquera
entidade viva da que participan múltiples persoas, foi ampliando os
seus horizontes cara a novos xeitos de entender a nosa literatura,
pois consideramos que sen evolución non hai futuro.

Como todos os proxectos, ao longo dos anos tivemos os nosos erros e
afrontamos moitas dificultades, non só polo difícil panorama editorial
galego, senón tamén porque somos seres humanos e trabucarnos está na
nosa natureza. Sabémolo e aprendemos das equivocacións. Porén, en
ningún caso queremos que haxa ningún malentendido sobre os nosos
principios, que son e seguirán a ser os xa sinalados. Sexa o que for
que depare o futuro para Urco, nunca nos separará deles. Iso é algo
que podemos garantirvos.

Tamén queremos aproveitar para dicirvos que tanto no artigo en
cuestión como noutros foros se está a dar información inexacta sobre a
nosa Cooperativa. Para protexer información de carácter persoal, non
entraremos en detalles privados do noso colectivo, mais podemos
asegurarvos que hai moita información errada. Si vos diremos de
maneira orgullosa que a nosa Cooperativa sempre se rexeu e seguirá a
rexerse por principios democráticos e todas as decisións de calado son
tomadas por todas as cooperativistas nos nosos foros internos.

Agradecemos a vosa confianza durante todos estes anos e agardamos
poder seguir contando con ela por moito tempo máis. Atentamente:

A equipa de Urco Editora.
A equipa da Sacauntos.