Cart 0

Entre 2010 e 2014 Urco Editora acometeu o titánico e pretrenatural proxecto de traducir e publicar en 14 volumes a narrativa completa de H.P. Lovecraft, acompañada dun poemario e un ensaio. Esta Biblioteca Lovecraft tivo éxito entre o público xeral e nos centros de ensino, consolidándonos como o referente da literatura fantástica na Galiza.

Pasados os anos, coa colección en papel amortizada desde o punto de vista económico e no contexto da pandemia da COVID-19, onde a inmediatez e o dixital cobran pulo, preguntámosnos: por que non «liberar» estes textos para o seu uso libre e gratuíto por parte de todo o mundo? A fin de contas, nas raíces da nosa filosofía sempre estiveron o Creative Commons e o Software Libre.

Os textos orixinais foran traducidos, se ben pola mesma man, ao longo de varios anos. Da mesma forma, a revisión correra ao cargo de varias persoas. Hoxe, coa experiencia gañada, podemos retornar eles para cohesionar criterios e producir unha edición definitiva. Isto coloca a nosa lingua nunha situación excepcional: non existe outra literatura no mundo que teña a día de hoxe unha edición traducida, cohesionada, dixital e de libre acceso da obra completa do Solitario de Providence.

Finalmente, a Biblioteca non estaría completa sen un novo volume que achegase valor. Así nace o volume XV De Re Lovecraftiana, compendio de artigos e ferramentas útiles para contextualizar a obra e figura de Lovecraft que agardamos resulte tanto de interese para o público desexoso de saber máis como para as docentes que queiran achegar estes textos ao seu alumnado.

O contido íntegro deste proxecto en ePUB está dispoñíbel para descarga gratuíta a continuación nesta páxina. Lembra que tamén temos versións en papel destas obras que podes mercar, se preferes o formato clásico.

→ Nas nosas probas, o software que mellor le os nosos libros é o PocketBook, que podes descargar tamén gratis para o teu dispositivo android.

Preme para descargar o eBook


Estes eBook foron diagramados pola Sacauntos Cooperativa Gráfica utilizando os softwares libres Sigil, Inkscape, GIMP e LibreOffice.

As obras presentadas para descargar nesta páxina están publicadas baixo a licenza de Recoñecemento-Non comercial sen obra derivada 3.0 da Creative Commons (CC 3.0 by-nc-nd). Isto significa que es libre de a copiar e distribuír sempre e cando cites a fonte e sexa sen ánimo de lucro.


Obra dixital realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.