Medra a Biblioteca Fantástica Dixital 27th Xaneiro 2023
Ninguén dixo que fose doada a carreira. Ninguén dixo que os nosos quince anos de historia fosen un camiño de rosas. Porén, non podemos negar que, malia os bandazos e as desbandadas, o percorrido foi ben gratificante e hoxe queremos presentar un deses proxectos que fan que todo pague a pena.
En 2021 trouxemos ao mundo a Biblioteca Lovecraft Dixital, froito dunha pandemia digna dunha distopía de Jack London. Tratouse de volver a un dos alicerces do noso catálogo coa experiencia gañada ao longo dos anos, revisitalo, puílo, agarimalo e agasallarllo ao mundo en forma de colección de ebooks libres e gratuítos. O éxito foi enorme e o servidor do noso web literalmente chegou a colapsar por mor do fluxo de datos impíos que tivo que soportar durante días.
Froito da experiencia con esta primeira colección e tamén coa axuda do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo da Xunta de Galicia, naceu a idea de ampliar o proxecto na Biblioteca Fantástica Dixital, sumando outros dous piares do noso catálogo histórico de tradución: Jack London e Robert E. Howard.
O primeiro deles representa para nós unha parte fundamental da cooperativa da que facemos parte: a transformación, o combate e a crítica. Malia que a maioría das persoas saben de London por Cairo Branco ou A chamada do salvaxe, en Urco decidimos centrarnos nese escritor case descoñecido que anticipaba, a comezos do século XX, un capitalismo globalizado e tecnolóxico en cuestión dun século. «Profeta, cousa do inferno!», que diría Edgar Allan Poe.
Ningún dos seus textos deixa indiferente a ninguén, desde A praga escarlata, unha auténtica xoia da literatura post-apocalíptica, até O talón de ferro, probabelmente a mellor distopía política xamais escrita (perdóadenos, George Orwell e Margaret Atwood).
O segundo, Howard, representa a nosa ligazón coa fantasía pura, libre e salvaxe. Lémbranos ese ser indómito que latexa no interior de cadaquén, o afán de aventura que abrocha na infancia e que só as rutinas da vida adulta conseguen soterrar a medias. Non en balde, o segundo libro de narrativa publicado por esta casa foi Relatos de terror sobrenatural, de Bob «dúas pistolas», e antes mesmo de presentar Urco ao público xa estaba sobre a mesa a tradución das obras completas de Conan de Cimmeria.
E ben, velaquí están, revisados de arriba a abaixo, expurgados, lavados e postos a secar, listos para saír ao mundo outra vez, pero desta volta completamente libres. E o da liberdade non é gratuíto, non é un mero lema publicitario pois, quen nos coñeza ben, saberá que este lugar que habitamos, esta casa de loucas chamada Urco–Sacauntos–e-o-que-queda-por-vir, naceu abandeirando o Creative Commons e o Software Libre. Quen nos coñeza saberá que quince anos despois continuamos pensando exactamente o mesmo e predicando co exemplo, só que agora sabemos máis e tentamos facelo mellor.
Ogallá que o espírito revolucionario de London e a alma indómita de Howard non nos abandonen nunca. Esperamos que esta biblioteca dixital axude a acender outras como as nosas.Desexámosvos unhas felices lecturas. Difundide a palabra.
Urco editora, inverno de 2023