Cart 0

Fantasía, ciencia ficción e terror en galego

Urco editora é unha empresa editorial nacida en 2007 que veu encher un oco histórico no sistema literario galego: a publicación sistemática e especializada de literatura de fantasía, ciencia ficción e terror. Até agora a escasa presenza destes xéneros na literatura traducida estaba fragmentada en distintas editoriais e coleccións, catalogada especialmente baixo os criterios de «clásicos» ou de «literatura xuvenil». Por isto Urco foi pioneira na achega sistemática destes tres xéneros ao público galego.

Co tempo, a criatura foi medrando e abranguendo outros ámbitos como o do ensaio, a literatura infanto-xuvenil e os xogos de mesa, chanzos todos eles para acadar o noso obxectivo final: a dominación mundial 😉

As nosas coleccións

Tradución

Urco naceu coa determinación de traer os mellores clásicos do xénero fantástico á nosa lingua, así como as obras contemporáneas máis senlleiras. Orixinalmente a nosa colección de tradución estaba dividida nas subcoleccións Urco Gótica, Urco Fantasía e Urco Ciencia Ficción, mais esta taxonomía eliminouse en 2016 para englobar todas as obras traducidas baixo un mesmo tellado.

Urco Gótica

Literatura traducida de xénero gótico e terrorífico. Baixo esta colección temos publicados, entre outros, autores como Edgar Allan Poe, William Hope Hodgson, Sheridan Le Fanu ou Bram Stoker. Destaca dentro desta colección o noso ambicioso proxecto de traermos a narrativa completa de H.P. Lovecraft á nosa lingua.

Urco Fantasía

Colección dedicada á literatura traducida de xénero fantástico. Dentro dela podemos destacar a “Biblioteca Conan” de Robert E. Howard ou as obras pioneiras da fantasía épica de William Morris.

Urco Ciencia Ficción

É o fogar das obras traducidas do xénero de anticipación e de ficción científica. Dentro desta colección podemos destacar obras como “O xogo de Ender”, de Orson Scott Card, boa parte da produción de ficción científica de Jack London ou algunhas obras de Jules Verne.

Alcaián

A colección Alcaián nace en 2010 para dar cabida a aqueles textos escritos en galego que se adscriben nos xéneros nos que se especializa a editora. A colección converteuse en pouco tempo nun grande éxito ante a puxanza dunha nova xeración de escritoras e escritores de fantasía. Agora baixo este selo xúntanse obras desta nova “Xeración estraña” e obras de figuras consagradas das nosas letras das últimas décadas.

Biblioteca Niké

A Biblioteca Niké de versos, vidas e pensamento é unha colección que nace paralela ao proxecto central da editorial para dar unha saída a certos proxectos que, malia que afastados da liña principal e histórica de Urco, consideramos moi interesantes ou fundamentais para a cultura do país. Dentro da Biblioteca Niké podemos destacar, por exemplo, a o Compendio de Gramática Galega, do profesor Xavier Frías ou a biografía de José Silvent, o monicrequeiro Barrigaverde, entre outros.

Urco Infantil

Esta colección está pensada para cubrir o único segmento de idade ao que a nosa editora aínda non chegaba: o dos primeiros lectores. É un lugar onde a fantasía cobra o seu significado máis puro e cumpre o seu obxectivo máis nobre: alimentar a imaxinación dos máis cativos.

Contos estraños

En 2015, a editorial Contos Estraños, destacada pola súa publicación trimestral homónima que homenaxea os pulps norteamericanos de comezos do século XX, pasa a integrar un selo de seu dentro de Urco editora. Agora mesmo, alén de continuar coa publicación da revista Contos Estraños, funciona como laboratorio de ideas do que nacen proxectos anovadores e valentes.

Urco Xuvenil

Ante a demanda de literatura fantástica por parte de xeracións cada vez máis novas, en 2014 nace a colección Urco Xuvenil, na que se publican textos destes xéneros orientados aos lectores que se achan nas distintas etapas do ensino secundario.

Series e sagas

Malia que non se trate dunha colección de seu, non podemos negar que a literatura fantástica componse en gran medida de triloxías, pentaloxías e toda clase de series e sagas de libros. E como non podía ser doutro xeito, Urco editora ten un feixe delas publicadas como O mundo secreto de Basilius HoffmanAs Crónicas de Bran, Os abismos da noite eterna, ou a exitosa serie de zombis Apocalipse Z .

O noso xeito de traballar

A nosa ética profesional lévanos a establecer unha serie de criterios, algúns deles pouco ao uso no mercado editorial actual.

Copyleft

Empregamos licenzas Creative Commons para as traducións de textos cuxos orixinais se achan xa sen dereitos e para as obras de nova creación, xa que, do punto de vista da tradución, consideramos absurdo o uso das licenzas restrictivas de Copyright sobre textos que xa se atopan liberados do mesmo. Asemade, consideramos que as licenzas de Creative Commons contribúen á difusión das obras das nosas autoras e autores, e adáptanse máis aos usos que se fan deles a día de hoxe.

Software Libre

En Urco editora empregamos no traballo informático relacionado coa tradución, o deseño, a corrección e a maquetación a contorna operativa GNU/Linux e outro software libre como o GIMP, Inkscape ou Scribus. Esta escolla non está motivada só por motivos económicos, senón tamén porque estamos convencidos de que esta «nova» filosofía informática é extremadamente vantaxosa para o avance da cultura e como editora, somos unha empresa preocupada pola mesma.

A letra para quen a traballa

A edición de un libro é un proceso complexo no que se ven envolvidas con frecuencia moitas persoas que non merecen ser invisibilizadas. Por este motivo consideramos importante o recoñecemento do traballo das persoas que participan no proceso de edición dun libro de Urco editora, listándoas nos créditos do mesmo e retribuíndoas cun pagamento digno polos seus servizos.

Organización cooperativa

A organización interna da nosa editorial é de tipo cooperativo, onde unha xunta de socias e socios con voz e voto toma as decisións tácticas sobre o camiño do proxecto.

A nivel estrutural, Urco está integrada na Sacauntos Sociedade Cooperativa Galega.

Información Legal

A nivel legal, Urco Editora é unha división da corporación para facer o mal que é Sacauntos Sociedade Cooperativa Galega, que ten CIF F-70486741.

Os obxectivos sociais da Sacauntos son claros:  «a defesa da língua e cultura do país, dos valores da igualdade, do tecido associativo galego, da emancipaçom da mulher e da dinamizaçom cultural da Galiza com óptica reintegracionista».