Nace a Biblioteca Lovecraft Dixital 23rd Abril 2021

A Pandemia da Covid-19 colleu a práctica totalidade da poboación coa garda baixa. Obrigou a parar o mundo, cuestionar o que é verdadeiramente relevante e deseñar alternativas ao presente. A Urco Editora, como proxecto da Sacauntos Cooperativa Gráfica, non foi unha excepción e, ante a crise, optou por volver ás orixes, reencontrarse a si mesma. Porque xa o dicía aquel dístico no aborrecíbel Necronomicon do árabe louco Abdul Alhazred:

Que non está morto o que eternamente pode xacer
e cos eóns estraños mesmo a morte pode morrer

Así, nunha conversa casual sobre de onde cremos que vimos e onde queremos chegar, naceu o proxecto que hoxe, 23 de abril de 2021, día do libro na fin do mundo, queremos sacar á luz.

Hai dez anos decidimos acometer o titánico proxecto de traducir e editar a narrativa completa de H.P. Lovecraft en lingua galega. Seica chegamos antes de tempo, pois nesta distopía en vida estamos a asistir ao rexurdimento do terror e a fantasía, mentres que unha década atrás só eramos unha extravagancia do sistema.

Queremos seguir apostando polo fantástico na lingua de Rosalía e Castelao polo que recuperamos todo ese corpus de catorce volumes da nosa Biblioteca Lovecraft e, coa vontade de lle dar unha nova vida, reeditámolo con todo o agarimo e deixámolo voar libre na rede de redes.

Quen nos coñeza desde aquel día de decembro de 2007 en que timidamente nos presentamos ao mundo, recordará que desde sempre dous dos piares que alicerzaron este proxecto foron as licenzas Creative Commons e o uso de Software Libre. Non se trataba dun capricho, senón dunha convicción firme arredor do que debe ser a cultura: libre e accesíbel para todas e todos.

Por iso hoxe, ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, cun ollo posto no futuro e outro nas nosas orixes, entregamos á comunidade a nosa Biblioteca Lovecraft Dixital, organizada en catorce volumes coidadosamente reeditados e maquetados para calquera dispositivo capaz de reproducir o formato ePub. Como colofón, xuntamos un décimo quinto tomo onde se compendian distintos ensaios breves que axudan a comprender o contexto e a obra, así como ferramentas didácticas para a súa aplicación no ensino.

A lingua galega convértese así na primeira do mundo en contar coa narrativa completa do Solitario de Providence traducida, editada e dispoñíbel de maneira libre e gratuíta para o público.

Desta maneira, desexamos que un dos traballos centrais da nosa carreira editorial, a Biblioteca Lovecraft, perdure moito máis aló do que tardan os libros en desaparecer nos andeis, afogados polas novidades. E quen sabe? Se cadra este acto de liberación dá nova vida ás edicións impresas.

Longa vida á literatura fantástica en lingua galega.

Urco editora, 23 de abril de 2021