Vladimir Zatonski
Mostrando tódolos 10 resultados
Presidente da República Socialista Soviética da Galiza, Comisionado do Pobo para a Educación na URSS, combatente no Exército Vermello, represor da Rebelión do Krondstat, condecorado coa Orde da Bandeira Vermella, amigo persoal de Lenine.
Retaliado por Staline nas Grandes Purgas, protagoniza unha espectacular fuga a nado do Gulag de Solovki, momento no que as autoridades soviéticas lle perden a pista. Vive de forma nómade durante longos anos entre os pobos carélios da fronteira finesa até volver saír brevemente á luz durante a Guerra de Inverno, en que algúns loitadores soviéticos perdidos na neve afirmaron seren rescatados por un home semi-salvaxe vestido con peles, de cabelos longos e barbas grises, da cabalo dun oso branco, que os acolle nunha pequena cabana dos bosques, alimentándoos con caldo e augardente. O personaxe identifícase aos aterecidos soldados como «o lexítimo señor e redentor da Galiza».
Cruza a fronteira nos anos 40, provocando terror entre as tropas pro-nazis locais que axiña aprenden a existencia do «home das neves» axexante na eterna noite invernal finlandesa. É entón cando toma contacto cos devanceiros lapóns de Martiño Terrafría, con quen en décadas futuras desenvolveria unha fonda amizade e, chegado un ponto, colaboración na iniciativa cultural-comercial d’Os Libros da Merenda, proxecto destinado a elevalos a ambos os dous (e á Urco Editora) aos mais altos cumios da fama e riqueza mundiais.