Mercedes Queixas Zas
Mostrando o único resultado
Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade da Coruña, exerce como profesora de lingua e literatura galega no ensino secundario (CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco – A Coruña).
É autora de ensaios de carácter divulgativo dirixidos ao público escolar como Os trobadores do Reino de Galiza (1997) ou Breve historia da literatura galega (1999), ademais doutros estudos intitulados Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega (2002) e Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política (2009), publicados por Edicións Laiovento, onde tamén viron a luz as traducións Nacionalismos no mundo (1997) e España uniforme (2001).
No ano 2011 publicou Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg Sanjurgo (Editorial Galaxia) e Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo (Edicións Laiovento).
En 2013 asumiu a coordinación do monográfico dedicado a Rosalía de Castro intitulado “Aprendemos con Rosalía”, que constitúe o número 57 da Revista Galega de Educación, editada por Nova Escola Galega.
En 2016 saíron do prelo dous novos ensaios intitulados Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María (Editorial Galaxia) e De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal. Breve historia da literatura galega (Edicións Xerais).
Ten participado como relatora en diferentes foros de formación do profesorado, congresos e simposios de análise literaria e sociolingüística, cuxas intervencións fican recollidas en volumes colectivos e actas, como “Silencio cultural e represión lingüística en Galiza durante o primeiro franquismo”; “Reflexións dunha lectora cursidosa ao prólogo aos Contos da Agra Aberta”; “Galician Fiction: A Genre with Gender?”; “A didáctica do galego desde os medios de comunicación”, “Ensino, educación e lingua galega hoxe”, “Estratexias para a planificación lingüística escolar”, “Por unha canonización (que non beatificación) da obra de Lois Pereiro” ou “Traducción. La otra voz imprescindible para amplificar la visibilidad literaria”.
A actividade docente e de escrita ten convivido con outras responsabilidades no campo da dinamización e divulgación linguística e sociocultural.
Entre 1995 e 2000 foi nomeada Coordinadora da Editorial Laiovento.
Entre marzo de 2007 e agosto de 2010 exerceu como Coordinadora Territorial de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da provincia da Coruña.
Desde 2005 é Secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Colabora periodicamente na sección de opinión do xornal Sermos Galiza.
