María Victoria Moreno
Mostrando tódolos 3 resultados
Unha das voces máis importantes da nosa literatura, María Victoria Morno exerceu de profesora de ensino medio durante toda a súa vida, sendo esta a actividade pola que quería ser recoñecida. Escritora, editora, tradutora e conferenciante, foi unha das fundadoras da literatura infantil e xuvenil en lingua galega. En 1973 publicou Mar adiante. Desde entón, a carreira literaria de María Victoria Moreno foi imparábel. Escribiu títulos como Leonardo e os fontaneiros (1986) ou Anagnórise (1988); novela incluída na Lista de Honra do IBBY no ano 1990 e traducida a varias linguas. Continuou a súa produción literaria con Guedellas de seda e liño (1991), obra que obtivo o premio White Ravens no ano 2002 e Eu conto, ti cantas…(2005). Publicou un ensaio titulado Diario da luz e da sombra (2004) onde recolle a súa experiencia como enferma de cancro de mama. María Victoria Moreno tamén escribiu poesía, mais a súa obra poética para adultos publicouse despois de falecer no libro Elexias de luz (2006). Catro anos despois da súa perda, chegou ao lectorado Onde o aire non era brisa (2009), a primeira obra escrita por María Victoria no ano 1969 e que viu a luz na lingua que a escritora tanto quixo corenta anos despois de ser escrita.