Fantástica fusión 19th Xuño 2015 – Posted in: Miscelánea, Mundo editorial, Novidades – Tags: , , ,

As editoras galegas do fantástico Urco e Contos Estraños pasarán a ser unha soa a partir do mes de Xullo de 2015.

Urco editora, o selo senlleiro no eido da literatura fantástica en lingua galega e mais Contos Estraños editora, proxecto xurdido de xente vinculada á primeira, rubrican nestes días un acordo de fusión, polo que Contos Estraños pasará a constituír un selo especializado dentro de Urco.

Este acordo, nacido da vontade de ambas as dúas partes para dar un pulo definitivo á escena emerxente de autoras e autores en lingua galega que se dedican aos xéneros da fantasía, a anticipación e o terror, permitirá mellorar a visibilidade das publicacións de ambas as dúas, mellorar a comunicación co público final e potenciar a presenza dos títulos nas canles de distribución.
Velaquí os puntos fundamentais desta fusión, en palabras dos editoresDavid Cortizo Conde, Fernando M. Cimadevila e Tomás González Ahola, responsábeis da mesma.
Consideramos que neste momento no que está a abrollar unha auténtica xeración de autoras e autores de narrativa fantástica en lingua galega, as dúas editoras especializadas na Galiza debemos estar á altura das circunstancias e embarcarnos nun proxecto máis amplo e global para axudar a normalizar e prestixiar un xénero literario central en todas as literaturas modernas do mundo.

 

Contos Estraños editora naceu no seo de Urco, da man dun dos seus editores (Tomás González Ahola) e dun dos seus autores (Fernando M. Cimadevila). Naquela altura Urco editora era un proxecto case aletargado que non era quen de dar resposta ás necesidades que esixía o noso sistema literario. Andados uns anos de traballo intenso e grandes esforzos, Urco converteuse nunha editora profesional e de primeira liña, e Contos Estraños nun proxecto cheo de enerxía creativa. Por isto pensamos que ambas as dúas son elos fundamentais da mesma cadea de valor.
-Contos Estraños continuará o seu labor de descuberta e promoción de autoras e autores como selo especializado dentro de Urco, e servirá asemade como espazo de experimentación e innovación, necesarias ambas as dúas para avanzar na construción dunha literatura fantástica forte na nosa lingua.
-Urco editora achegará a súa experiencia, a súa capacidade loxística e as vantaxes que ofrece ter a súa propia imprenta (Sacauntos Cooperativa Gráfica), polo que pensamos que máis que competidores, sempre fomos complementarios.
-O noso obxectivo a curto e a medio prazo é aumentar o volume de publicacións e de liñas editoriais, dar cabida a novas ideas, propostas e autoras dentro do sistema literario galego, e crear un camiño de continuidade para as publicacións do xénero que nos leve a ser o seu maior referente dentro da literatura galega.

En Compostela, a 18 de Xuño de 2015

urco_contos_estraños_culturgal

urco_contos_estraños_culturgal