“Non hai luz sen escuridade”, de Andrea Barreira 28th Abril 2015 – Posted in: Mundo editorial, Novidades – Tags: , , ,

Non hai luz sen escuridade

Non hai luz sen escuridade

Coa primavera continúan as novidades en Urco Editora, e desta volta tócalle á Colección Xuvenil.

Non hai luz sen escuridade é a primeira novela da brañega Andrea Barreira e cóntanos a historia de Lea, a Princesa da Escuridade, que leva desde que era unha nena a se debater entre o que os seus pais agardan dela e o medo que lle dá aquilo en que pode converterse. Cando chega o momento de facer a viaxe que a levará a atopar o dragón que lle pertence, Lea sae por primeira vez da escuridade dos seus dominios e agarda poder atopar a luz que vira unha vez sendo unha meniña. Ao longo da viaxe atopará moitas persoas novas e fará amizades, entre elas, Sarxa, a princesa das fadas, un ser totalmente antagónico a ela, ao tempo que adquirirá coñecementos, tanto de maxia negra como de maxia branca, e descubrirá cousas sobre si mesma.

Podes mercar o libro seguindo esta ligazón.

 

IMG_2208Andrea Barreira Freije

naceu en A Fonsagrada o 10 de xaneiro de 1986, o que lle deu sona de ser quen de resistir calquera tipo de frío.

Licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e as súas ganas de cambiar algunha que outra cousa fixeron que se especializase en comunicación medioambiental, social e internacional. Na actualidade, o seu traballo no xornalismo concéntrase nas súas colaboracións no programa radiofónico «O Sombreiro de Merlín», onde leva a sección Triqui-Traque, un espazo de literatura infanto-xuvenil.

A súa adicción aos libros levouna a escribir dende ben nena até que a empurraron a compartir as súas historias. Participou nas antoloxías colectivas Lendas de Gallaecia e Segunda Era de Contos Estraños Editora, Tebras na Alma, Contos de Verán (Redelibros) e na escolma solidaria infantil Ilusionaria IV.

Periodicamente escribe relatos para crianzas na plataforma web Boolino e para adultos no fanzine cultural AIRE, fanzine de ARTE. As letras conducírona a ser docente en Aire centro de Arte (Compostela) e Gestión Cultural_Taller Abierto (Pontevedra), onde imparte talleres de narrativa.

A súa escasa capacidade para dicir non aos proxectos que caen nas súas mans, ou preto dela, levouna a facer de editora, tradutora, contacontos, profesora… polo que a día de hoxe intenta afacerse a vivir no caos.