“Cegoñas no fondo da ría” ou unha outra Pontevedra 21st Abril 2015 – Posted in: Alcaián, Mundo editorial, Novidades – Tags: , , , ,

Cegoñas no fondo da ría

Cegoñas no fondo da ría

O novo traballo de Manuel Lourenzo González

Cegoñas no fondo da ría é un conxunto de vinte e cinco relatos que recollen outros tantos episodios da historia de Pontevedra nos que os feitos reais se prolongan polos vieiros da fantasía a través de prodixiosos exercicios de imaxinación. Cunha traza de perfecta verosimilitude, vemos desfilar polas rúas antigas desta cidade persoeiros de proxeccción universal como Xulio César, o Preste Xan, Góngora, Carlos de Médici, don Dinís de Portugal, Jules Verne, Michael Curtiz, Elvis Presley, Hemingway ou Buffalo Bill. Asistimos á convivencia entre humanos e sereas, mouras, princesas meigas, santos laicos, exércitos aztecas, alquimistas, mulleres de ciencia clandestinas, mortos revividos; e revisamos sucesos transcendentes como o Diluvio Universal de Pontevedra, o descubrimento da pedra de Rosetta da cultura castrexa, o desembarco dos atlantes, o misterio do coloso de Tambo, a queima da Biblioteca Panxeica, a lenda do Pontevedrés Errante, a chegada da Gioconda ao Museo Provincial, a aterraxe do primeiro dirixíbel ou a construción dunha réplica da cidade na selva africana. En palabras de Luís Bará, autor do Limiar, «seguramente moi poucas cidades no mundo poderán presumir de contar cun corpus de crónicas tan cheas de sucesos transcendentes e, nunca mellor dito, marabillosos.»

Publicadas ao longo dos dous últimos anos no xornal dixital Pontevedra Viva e reunidas agora en libro, Cegoñas no fondo da ría presenta unha Pontevedra inédita e máxica e ao mesmo tempo asombrosamente verosímil polo esforzo de documentación que sustenta cada unha das ficcións. Construída cunha prosa sólida e precisa que mestura características do texto histórico, o literario e o xornalístico, Manuel Lourenzo González consegue crear un universo engaiolante cuxo interese vai máis alá do local pola súa dimensión simbólica e como modelo dun xeito de reinterpretar a historia desde a poética da ensoñación e o mito.

Acceder á ficha do libro

 

Manuel Lourenzo González

Manuel Lourenzo González

Manuel Lourenzo González

Naceu en Vilaboa, Pontevedra, en 1955. Licenciado en Ciencias da Educación e catedrático de instituto en Lingua Galega e Literatura. Como profesor, participou na elaboración de libros para o ensino e é autor de artigos e textos ensaísticos de carácter dispar. Asemade, foi promotor ou colaborador de múltiples empresas culturais.

Como escritor, ten publicadas case unha trintena de obras. Entre elas, os libros de relatos Da esfinxe e Noites de papel e as novelas Arqueofaxia, O xardín das pedras flotantes e Atl. Para o público xuvenil, Tanis I o MocosO que é a vida, Irmán do ventoFlor de area, Unha pantasma no colexio e Mundo Arb. Tamén conta con publicacións infantís e teatrais. Algúns destes títulos foron traducidos ao castelán.

A súa obra foi recoñecida con premios como o Merlín, O Barco de Vapor e Estornela na literatura infanto-xuvenil, e García Barros, Café Dublín, Carvalho Calero, Xerais e Blanco Amor na de adultos.

No ámbito do xornalismo, destacan as súas colaboracións na revista de humor Retranca entre 2007 e 2010, e a serie de artigos publicados no xornal Pontevedra Viva que se reúnen neste libro.