A biblioteca “gótica” de Urco recibe o premio “irmandade do libro” á mellor obra editorial 16th Marzo 2015 – Posted in: Miscelánea, Mundo editorial

A biblioteca “gótica” de Urco editora recibiu o pasado sábado 14 de marzo o premio “Irmandade do libro”, que concede a Federación de Librarías de Galiza, á mellor Obra Editorial, na XXIV edición destes premios.

irmandade do libro premios

A estatuiña e o diploma, xunto con algúns exemplares da biblioteca “gótica”

No acto, que transcorreu na tarde do 14 de marzo na Cidade da Cultura de Compostela, foron galardoados tamén a libraría O Pontillón, de Moaña, na modalidade de mellor libraría; o IES Castro Alobre, de Vilagarcía, na modalidade de Centros de Ensino; o programa de televisión Libros sen reservas, do noso colega Quique Alvarellos, na modalidade de Fomento da Lectura; Yolanda Castaño, na modalidade de Autora; Contos do Mar de Irlanda, de Xurxo Souto (Xerais), na modalidade de mellor libro do ano; e  Xiquixoque, fiú-fiú, de Uxía Senlle (Galaxia), na modalidade de mellor obra infanto-xuvenil.

Foto galardoados

Imaxe dos galardoados e as autoridades. (Fonte da fotografía: Concello de Santiago)

Tal e como sinalou durante o acto o noso compañeiro Tomás González Ahola no momento de recoller o galardón, este é o primeiro recoñecemento deste tipo que recibe o noso proxecto editorial, logo de case oito anos de traxectoria nas letras do noso país. Queremos lembrar tamén que a colección Gótica, a que recibiu a distinción, é a máis veterana do noso selo editorial, pois o seu inicio remóntase ao ano 2007, coa publicación de O corvo, de Edgar Allan Poe.

Desde Urco queremos agradecer á Federación de Libraría de Galiza ese recoñecemento ao noso traballo e tamén desexamos parabenizar os demais premiados desta vixésimo cuarta edición deste galardón.