Libriscos nos vosos locais composteláns 5th Xaneiro 2011 – Posted in: Novidades

Nesta ponte de reis, Urco Editora e Edizer, en colaboración con diversos locais de Compostela (Café Bar O 13, Pub O Curruncho, As Dúas Café Bar, Ultramarinos, Medusa, Casa das Crechas e Bicoca) e a imprenta Sacauntos, poremos en circulación os Libriscos, a nosa nova iniciativa cultural para as vosas noites compostelás.

A nosa intención é achegar ao público a lectura, como se dun petisco se tratase. De feito, estes oito libros serán postos aos clientes que consuman nestes bares, como se adoita facer cos petiscos. A iniciativa procura darlle un pulo á lectura e que o público considere os libros como parte da súa vida cotiá, mesmo cando saen a tomar algo polo casco histórica de Compostela.

Tamén queremos facervos saber que proximamente teremos os libriscos neste blogue para que os descarguedes e os levedes convosco. Xa vos faremos saber cando os teñamos dispoñíbeis.

Daquela, boa ponte e feliz lectura!