Presentación das novidades editoriais de Urco 26th Novembro 2010 – Posted in: Mundo editorial, Novidades

Mañá, día 27 de novembro, ás 12:00, presentamos no CulturGal as novidades editoriais de Urco para esta tempada: Crónicas do mañá: 50 anos de contos cubanos de ciencia ficción, escolma de relatos que se publica por primeira vez fora de Cuba; O castelo de Otranto, a novela iniciadora do xénero gótico; e Solomon Kane, unha escolma de tres relatos da personaxe creada por Robert E. Howard (autor, entre outros, das aventuras do bárbaro Conan, que tamén serán publicadas próximamente en Urco Fantasía).

Capas dos novos libros de Urco Editora no CulturGal

Con estes tres libros introducimos en Urco unha nova liña gráfica, redeseñando o logotipo, uniformando a tipografía e homoxeneizando lixeiramente o deseño de capas —como sabedes, até o presente as obras grandes tiñan capas brancas e as mais curtas, negras. En diante, as capas manterán sempre a cor negra distintiva de Urco, mais os libros grandes levarán ilustracións a capa completa, namentres que os pequenos xogarán con motivos isolados.

A maiores, temos connosco no CulturGal O que Darwin non previu, de Alba Payo Froiz, a primeira novela do selo de Urco Alcaián, co que pretendemos dar saída editorial a autores galegos noveis.

Como vedes, agárdanos unha fin de semana chea de novidades — contamos convosco para iniciala mañá!