Tres novidades editoriais 13th Abril 2010 – Posted in: Novidades

Este mes de abril vén cargado de moitas novidades desde Urco. Comezamos con tres títulos do noso catálogo que, esperamos, sexan do voso agrado.
Velaquí as nosas achegas e tede unha excelente lectura!

En 1877 dous amigos chamados Tonnison e Berreggnog atopan un manuscrito soterrado entre unhas ruínas nun remoto confín da Irlanda rural. As súas estragadas páxinas contan a estraña historia dun home que habitaba unha casa chea de misterios. O narrador conta como se foron sucedendo unha serie
de acontecementos de carácter sobrenatural, abríndoselle unha xanela aos terrores incomprensíbeis que xacen alén das estrelas e alén dos veos do que nós consideramos a realidade.
A casa no confín, publicada en 1908, é unha das novelas máis importantes do xénero chamado de Terror Cósmico. Malia que pouco coñecida, eclipsada quizais polo máximo expoñente do xénero H. P. Lovecraft, constitúe unha peza maxistral que senta as bases formais e temáticas que adoptarán todos os autores posteriores, incluído o citado autor de Providence.

Ficha:
Título: A Casa no Confín
Autor: W. Hope Hodgson
Colección: Gótica
Tradutor: Tomás González Ahola
No de Páxinas: 224
Formato: 210 X 130 Mm
ISBN: 978-84-937142-6-0
Prezo: 13,95 €

« En todos os tempos e con todas as razas do mar, sempre existiu algunha historia fascinante sobre unha illa no medio do océano. A súa mesma existencia ten para todos os exploradores un ar máxico. Unha illa ofrécenos unhas alturas que se elevan desde as profundidades, amósanos aquilo que está máis solidamente ancorado a carón daquilo que é máis cambiante, o fértil a carón do estéril, e a seguridade canda o perigo. O océano sempre tende a usurpar a illa, a illa que está sobre o océano. Existen un a carón do outro, amigos mais inimigos. A illa significa a seguridade na calma mais tamén o perigo no trebón. No medio dunha tempestade, o mariñeiro alégrase de non estar preto dela, e mesmo se se dirixía a ela, cambia de rumbo e diríxese a mar aberto. A miúdo cando a busca non a pode alcanzar».
Contos das Illas Extraordinarias do Atlántico reúne unha serie de relatos fantásticos creados polo maxín do ser humano desde os tempos dos gregos até a Idade Moderna nos que o denominador común son aquelas illas reais ou imaxinadas que sempre espertaron as fantasías de aqueles que ollan o mar con ollos soñadores.

Ficha:
Título: Contos das Illas Extraordinarias do Atláncico
Autor: T.W. Higginson
Colección: Fantasía
Tradutor: Tomás González Ahola
No de Páxinas: 194
Formato: 210 X 130 Mm
ISBN: 978-84-937142-7-7
Prezo: 13,95 €

Unha viaxe á Lúa (1827) reúne a sátira, a novela sentimental, a reflexión moral, a análise económica, pero sobre todo é a primeira novela de ciencia ficción publicada nos Estados Unidos.
En moitos aspectos, esta novela lembrara ás Viaxes de Gulliver, e os distintos pobos e costumes selenitas recordan os costumes dos pobos que Gulliver atopara nas súas viaxes. Pero o mundo de Tucker é xa un mundo de invencións, onde é concibible unha máquina que sexa capaz de voar e chegue á Lúa. De feito, unha das cousas máis sorprendentes desta novela é o interesado que estaba Tucker nos avances científicos do seu tempo (e fai continuas referencias a eles), e a exactitude e precisión coa que respalda os seus argumentos científicos ou paródicos. Así se explica que formule nesta novela a teoría do big splash, ou a formación da Lúa a partir da Terra (sólida nos nosos tempos), ou que faga unha interesante contribución á prehistoria da Teoría de xogos.

Ficha:
Título: Unha Viaxe á Lúa
Autor: George Tucker
Colección: Ciencia Ficción
Tradutor: Xabier Cid
No de Páxinas: 180
Formato: 150 X 225 Mm
ISBN: 978-84-937572-2-9
Prezo: 15,95 €