Morgante 30th Setembro 2008 – Posted in: Mundo editorial, Novidades – Tags: contos, dous, edicións, Exipto, Gólgur, irmáns, libros, morgante
Despois de tanto tempo, vovemos actualizar, si, seguimos vivos e con ganas de continuar. Hoxe abrimos cunha pequena recomendación: dous libros de Morgante edicións.
Edicións Morgante é un pequeno selo ligado a Rinoceronte Editora, que nace con vocación de caixón de xastre: a única característica común a todo aquilo que publicamos é que nos guste. Fóra diso, a propia variedade de temas, estilos e formatos dá boa idea do seu eclecticismo.
Os dominios de Golgur:
No ducado de Miranda, unha “outra” Galiza medieval, as cousas andan revoltas. Unha xoia perdida pode facer cambalear o poder establecido, polo que un intrépido grupo de aventureiros cumpre unha misión de incógnito para atopala e entregarlla ao duque don Dinís. O grupo, formado polo galante Guillem de Bretaña, Agnesa a delsia e o anano Perifel, terá que percorrer a xeografía mirandesa de castelo en castelo para dar coa prezada xoia da coroa. Por se fose pouco anda por aí un monxe medio tolo que pregoa unha absurda relixión que castiga os excesos e di que existe un só deus. Pero hai algo peor: Gólgur un poderoso e terríbel xigante cuxo poderío amedrenta os nobres mirandeses.
Os dominios de Gólgur é unha novela áxil e divertida que nos introduce no mundo das historias posíbeis cun ton próximo e hilarante. Un bo exemplo de novela fantástica moderna escrita en galego, con reminiscencias de Poul Anderson, Jack Vance e mesmo de Terry Pratchett.
“Máis útil é un libro que unha estela gravada ou un muro sólido” Con esta cita comeza a escolma de cinco relatos baseados en lendas e contos do antigo Exipto, onde o amigo Antonio Reigosa fai a súa achega á nosa lingua dun xénero até o de agora inédito. Intriga, aventura, maxia e viaxes marabillosas garantidas cun estilo marca da casa.