Ragnarok: a apocalipse segundo os viquingos 20th Maio 2008 – Posted in: Miscelánea, Novidades

Onte quedou definitivamente decidido o seguinte “especial” de Urco. Enténdase por especial algo como o noso primeiro título: O corvo, un libro que se sae da liña tanto en formato como en xénero. O seguinte sairá cara a finais de verán, supoñemos, e será o colmo do friquismo, unha tradución da Völuspá, o primeiro canto do Edda Maior, na que se relata o nacemento do mundo e mais o Ragnarok, a apocalipse.  O Edda Maior, para que non o saiba, é unha recompilación de poesía épica escrita en antigo islandés de entre os séculos IX e XIII.

A nosa tradución da Völuspá correrá a cargo de Elías Portela, coñecido xa polo seu traballo de tradución do islandés para Rinoceronte Editora. Irá ilustrada asemade coas imaxes en cor dos folios orixinais do Codex Regius, a fonte máis antiga do texto, datado a finais do século XIII.

Sobre o texto hai pouco que dicir, é bastante escuro e complexo, está cheo de imaxes tétricas e brutais (como non podía ser doutro xeito nun texto apocalíptico nórdico medieval). Na Wikipedia hai un artigo bastante interesante con un par de ligazóns a traducións inglesas.

O motivo polo que nos metemos a editar unha cousa tan rara ten a súa lóxica. Decidimos comezar a editar “os comezos” da fantasía, o terror e a ficción científica. Aínda que esteamos a dar un salto de seis ou sete séculos con respecto ao que adoitamos publicar, a Völuspá e toda a poesía épica nórdica está nas orixes máis fondas da fantasía moderna, e pensamos en que é un texto digno de estar publicado na nosa lingua.

Friquis nós?

Si, e a moita honra