No prelo 9th Abril 2008 – Posted in: Novidades
Neste momento estarán imprimíndose os seguintes títulos de Urco Editora, aló por Villa y Corte, xa que de momento no noso país non achamos ninguén que nos iguale o prezo dos nosos impresores.
Continuamos o formato mediano con Relatos de Terror Sobrenatural, de Robert E. Howard, unha escolma de catro contos do creador de Conan o Cimmerio dedicados aos horrores lovecraftianos. Inclúense os relatos “A pedra negra”, “Os fillos da noite”, “Os vermes da terra” e “O lume de Asshurbanipal”. A tradución é de Pablo Amado, responsábel de planificación editorial de Urco Editora, que agora está metido até o pescozo na tradución de O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde, que sairá no mes de Xuño.
No minilibro deste mes deixamos de lado momentaneamente a Conan para meternos con Robert W. Chambers e o seu relato “O signo amarelo”, pertencente á colección The King in Yellow. Este mes Pablo traballou a cachón, xa que esta tradución tamén é del.
En cuestión de unha semana esperemos telos en Compostela para comezar a distribuílos entre os nosos subscritores e ás librarías
Temos que facer un especial agradecemento a todas as persoas que fan posíbel que saian os libros de Urco Editora, especialmente aos nosos estupendos correctores: Martín Luna, Cristina González e Rodrigo Vizcaíno. Grazas por todo rapaces!