Xesús Constela

Xesús Constela (Ferrol, 1963) reside no Concello de Poio.

Acadou o Premio Torrente Ballester con As humanas proporcións, (Galaxia, 2004), obra galardoada tamén co premio da Asociación Española de Críticos Literarios na modalidade de Narrativa en Galego.

En Libro das alquimias (Galaxia, 2007), presenta un rapaz que descubre no baixo da súa casa a presenza dun vello co que vai asistir, entre outras marabillas, á construción da «Biblioteca de Alexandría» e vai coñecer a súa fascinante directora, Hypatia.

Gañou o Premio Manuel García Barros con Shakespeare destilado, (Galaxia, 2008), monólogo humorístico sobre o proceso creativo que pon en dúbida a ficción tradicional e xoga coa tradición literaria de Shakespeare.

Co título de Como se fixo o primeiro alfabeto (Embora, 2008), traduciu e adaptou dous contos de R. Kipling.

Na novela 15.724 (Xerais, 2012), presenta un xogo de voces narradoras que retratan os vincallos que agroman entre irmáns e asuntos como a fronteira entre a cordura e a tolemia, a submisión ao poder e a aplicación da pena de morte.

Apoteose das perchas (Embora, 2014) é unha novela breve en clave de sátira na que se presenta un singular mendigo defensor da idea de cada quen ten que viaxar na vida no lugar que lle corresponde.

Colaborador do suplemento Nordesía do Diario de Ferrol entre 2004 e 2009, ten numerosos artigos publicados en xornais e revistas.

Non se atoparon produtos que concorden coa selección.