Moncho Mariño

Chámome Moncho Mariño, nacín en Xove hai xa uns anos. Son fan da Ci-Fi desde neno, aínda que por sorte para o Universo, era malo en ciencias. En ficcións non sei que dicir, mellor que xulguen os lectores.

Lembro que o primeiro conto Ci-Fi escribino con oito ou nove anos, inspirándome nas viaxes das misións Apolo. Era para un exercicio de Ciencias Sociais (aqueles tempos). Logo comecei a ler temas máis terrestres como receitas de cociña, manuais para instalar lámpadas e tamén, de cando en vez, autores de aquí e de acolá.

Ultimamente interésame o lado máis científico da Ci-Fi, sobre todo pensando en como o ser humano foi capaz de crear enxeños tan complicados para irmos ao espazo infinito e ao mesmo tempo, como fomos ou somos capaces de autodestruírnos en menos tempo do que lle leva a un autobús de liña ir de Compostela á costa de Lugo.

Non creo na superioridade de seres humanos sobre seres humanos, como tampouco creo no fatalismo que di que todo o pequeno ten que desaparecer e menos nestes tempos de redes, smartphones etc. Vexo documentais sobre OVNIS e OSNIS e sinceramente, son relatos moi divertidos onde van parar grandes guionistas. O mundo é moi inxusto.

Creo na independencia persoal pero tamén creo na solidariedade porque unha sen a outra non son posíbeis, ou iso aprendín nos últimos tempos. Tamén creo que hai moitas cousas que podemos aprender se nos damos tempo a nós mesmos, creo que o día dá para moito e tamén creo na frase do axente Cohle en True Detective: «Todo isto comezou cando dous monos miraban para o sol e un díxolle ao outro: O sol dime que me deas a túa parte, se non terei que cortarche o pescozo.»

Non se atoparon produtos que concorden coa selección.