Novidades de outono 8th Setembro 2017 – Posted in: Mundo editorial, Novidades

En Urco Editora estivemos a traballar todo este verán para que poidades gozar das mellores novidades literarias posíbeis no outono que está a chegar.

Na colección que inaugurou a editora (e que este mesmo ano está de 10º aniversario) continuamos coa publicación da saga finlandesa de fantasía épica Os gardiáns do Sampo de Timo Parvela e con tradución de Tuula Ahola, cuxa segunda parte, Tiera o salvaxe, estará ao voso dispor ao comezo do outono e a terceira e definitiva, titulada Louhi a feiticeira, estará dispoñíbel a finais de ano. Entre medias de ambas as dúas teredes a oportunidade de gozar da lectura de Neil Gaiman por primeira vez en galego, en tradución de Tomás González Ahola, coa publicación do seu libro, se cadra, máis coñecido: Coraline.

Dentro da colección Alcaián temos dúas novidades: a novela de ficción científica Limiar de conciencia de Cris Pavón e o libro de relatos de terror psicolóxico Saturno tamén é deus de Uxía Casal.

Na colección Xuvenil dous títulos de autoras que xa teñen un nome propio nas letras galegas virán a enriquecer o noso catálogo: A misteriosa montaña de Pena Negra de Concha Blanco e o O amor e as palabras de María Victoria Moreno.

Precisamente a autora a quen se lle dedica o Día das letras galegas en 2018 será a gran protagonista da nosa colección Infantil onde verán a luz, para ir abrindo boca de cara ao 17 de maio, A brétema e O cataventos en novas edicións ilustradas por María Montes e Lara Torres respectivamente. Nesta colección teremos tamén o inmenso pracer de contar co título de Mercedes Queixas Xandra, a landra que quería voar, ilustrado por Paula Pereira

A nosa aposta polo selo Mulleres Bravas que dirixe Andrea Jamardo Seijo terá continuidade con dous novos títulos: Mulleres Bravas da nosa historia: Xulia Minguillón de María Reimóndez e Mulleres Bravas da nosa historia: Pepa a Loba de Ledicia Costas. Os dous títulos estarán ilustrados, ao igual que os volumes anteriores da colección, por Eva Agra.

Continuaremos tamén a colaborar coa Fundación Vicente Risco a través do selo Dr. Alveiros onde verán a luz: Os europeos en Abrantes e unha nova edición de O porco de pé de Vicente Risco, o segundo volume de Contos do Sacaúntos (con relatos de Mariña Pérez Rei, Xesús Constela, Antonio Manuel Fraga, Carlos Carvalheira e António Lopes) e as obras Enfermos pobres, médicos tristes de Roberto Fernández e Asorey, escultor galego de Maribel Iglesias, obras gañadora e finalista do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais de 2017.

E como en Urco estamos a nos formar constantemente deixamos sempre un sitio para novos proxectos como é o que nos traen Pancho Lapeña e Nacho Munilla coa Guía definitiva de aves da Galiza.

Agardamos sexa un outono cheo de lecturas.

Apertas!

David Cortizo Conde

Responsábel Editorial