A Federación de Librarías de Galicia «extirpa» a Urco Editora da feira do libro de Rianxo 29th Xuño 2016 – Posted in: Galiza, Interno, literatura fantástica, Novidades, Ophiusa, Urco

A organización, que asegurou sentirse «incómoda» coa nosa presenza, eliminou mesmo un obradoiro de escrita creativa para mozas e mozos, cuxa única relación coa editora é que a docente publicou unha novela en 2015 no noso selo xuvenil.

O pasado martes día 28 de xuño, por volta das 13:00, recibimos unha chamada de alguén que dicía falar en nome da Federación de Librarías de Galicia. A mensaxe era simple, directa e, o peor de todo, unidireccional, posto que a persoa que chamou aseguraba non ter poder de negociación ningún, senón ser unha simple mensaxeira. En resumo, a mensaxe foi esta:

A Federación de Librarías de Galicia cancela os actos relacionados con Urco editora que xa estaban programados e axendados para a feira do libro de Rianxo, por sentirse «incómoda» coa presenza da editora. O suposto motivo da incomodidade, que durante o mes de maio, na feira do libro de Compostela, un compañeiro de Urco, no seu perfil persoal dunha rede social, fixo unha crítica bastante dura dunha feira da capital de Galiza que consideraba pequena, moribunda e mal organizada, e na que se deron unha serie de irregularidades e agravios comparativos comprensibelmente denunciábeis.

Un dos feitos aos que se refería o noso compañeiro foi, por exemplo, que algunhas casetas tivesen que pagar a tarifa íntegra (altísima e desproporcionada, por outra banda), outras pagasen «en especia», con actividades, como foi o caso de Urco, e outras fosen convidadas a última hora, de balde e con carta branca, porque se non unha feira con 6 casetas non era sostíbel, alén de supor un ridículo espantoso e unha constatación da inoperatividade da organización. Outro deles foi que, malia que o desangre das feiras da Federación leva a acontecer desde hai anos, algún membro da directiva non dubidou en botar as culpas de todos os males ante a prensa ao Concello de Santiago de Compostela, que este ano non decidiu apoiar ese modelo caduco e decimonónico, opaco e caciquil.

Até aquí a causa posíbel e a represalia tanxíbel. Así e todo, o da «incomodidade» non o entendemos ben. Urco naceu para dar medo, desacougo, arrepío. Se cadra as persoas da Federación de Librarías de Galicia que decidiron unilateralmente (e sen coñecemento do conxunto dos asociados) extirpar este «cancro editorial» das súas feiras leron algún dos nosos libros e confunden os seus sentimentos máis primarios con simple «incomodidade»? Mais se cadra non. Se cadra é só que as palabras discordantes ou mesmo disidentes cun modelo de feiras que leva anos a se afundir sen atender a razóns ou críticas, é castigada co silenciamento.

Sorpréndenos tamén o xeito en que a emisaria nos comunicou a mensaxe con frases do tipo «non hai nada que negociar, é unha decisión da Federación de Librarías». Sospeitamos que a Federación de Librarías á que se refería foron un par de suxeitos, como máximo. Levamos moitos anos participando con caseta propia na feira de Compostela e estivemos varios tamén na Coruña, ademais de visitar e organizar eventos noutras moitas, como para non recoñecer ese xeito de actuar tan característico. Non é a primeira vez que vemos un libreiro dar ordes e ditar palabras á persoa encargada da secretaría, do tipo «Dille a fulano que non pode vender iso, dille a mengana que non pode pegar carteis na caseta…». Amigos, e amigas, somos un país moi pequeno, cunha industria do libro miúda, coñecémonos todas e todos, non hai que pór máscaras nin xogar aos monicrequeiros nas sombras.

Mais onde fica a relación de Urco editora coas librarías do país?

Achamos que a nosa relación coas libreiras e libreiros, agás contadísimas e máis ben miúdas excepcións, non pode ser máis cordial. De feito, na pasada feira de Ribeira, fixéronse un par de actividades que se ían repetir na de Rianxo, e os nosos colaboradores aproveitaron para asinaren exemplares e facer promoción nas casetas dalgunhas librarías amigas desta casa. Déixennos pensar… se cadra foi iso, o éxito e a fluidez na que se desenvolven os eventos que organizamos nas feiras, o que provocou o veto, non unhas declaracións feitas a comezos de maio. Doutro xeito, esta casa xa estaría vetada na feira de Ribeira.

Porén, non nos preocupa en absoluto o que diga ou faga unha Federación de Librarías que non representa a ninguén, e que mesmo foi expulsa da CEGAL (Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros) hai apenas un mes.

Os libros de Urco continúan a se vender nas librarías, ás que consideramos irmás e alidadas fundamentais no noso traballo de difundir e visibilizar a cultura. Son algúns colectivos con intereses particulares e opacos (igual que as súas contas), como a Federación de Librarías de Galicia, as que embazan o noso sistema editorial e pretenden silenciar a quen traballamos a prol das letras do noso país.
Rematamos este comunicado listando as actividades que foron canceladas e para as que tentaremos buscar un espazo alternativo, fóra dunha feira na que, para a nosa honra, temos o selo de «non gratos»:
Obradoiro de escritura creativa para mozos e mozas a cargo de Andrea Barreira Freije (profesional da docencia de escritura creativa e escritora)

 

Obradoiro-torneo do xogo de cartas Ophiusa. A terra dos mil ríos, orientado a todos os públicos, a cargo dos seus creadores, José María Picón e Fernando M. Cimadevila.

 

Presentación da novela Negruña, de Xosé Duncan (Urco editora, 2016).