Encontro fantástico (e erótico) na feira do libro de A Coruña 5th Agosto 2015 – Posted in: Mundo editorial, Novidades – Tags: , ,

Urco Editora presenta dúas novidades do selo “Contos Estraños” na feira do libro de A Coruña

O vindeiro Domingo día 9 de agosto ás 13:00, os xardíns de Méndez Núñez de A Coruña acollerán, dentro da programación da feira do libro, as presentacións de Contos Estraños v. 7. Encontros na Terceira Era e de Plug & Play. Antoloxía galega de ciencia ficción erótica, editados baixo o selo “Contos Estraños” de Urco Editora

Hai non moito informabamos da fusión das editoriais Contos Estraños e Urco, que deu como resultado a incorporación da primeira como selo de seu dentro da primeira editora do país especializada na publicación de literatura fantástica en lingua galega.

Froito da denominada “fantástica fusión” saen agora do prelo dúas interesantes novidades, que se presentarán o vindeiro domingo día 9 de agosto na feira do libro de A Coruña.

Plug & Play. Antoloxía galega de ciencia ficción erótica, é unha obra pioneira e rompedora no xénero da anticipación dentro da literatura galega. Seguindo os pasos de mestres como Philip José Farmer, Thomas N. Scortia, Samuel R. Delany ou Robert Silverberg, un feixe de autoras e autores galegos, moitos deles de gran sona e xa experimentados no eido da literatura fantástica, atrévense a explorar as fronteiras do pracer carnal, o sexo e o erotismo dentro dun xénero como a ficción científica, cun enorme potencial para o desenvolvemento de ideas novas e rompedoras.

Pola súa banda Contos estraños v. 7. Encontros na Terceira Era, é o novo volume da revista Contos Estraños Pulp, que retorna logo dun descanso de case dous anos co seu formato orixinal a columna dupla e que nos trae textos de autoras e autores xa consagrados na publicación, como Vanesa Santiago, Andrea Barreira ou Roberto A. Rodrígues, mais tamén de outros que se estrean no selo, como Alberte Momán, Tomás Rivera ou Félix Carreira.

Durante a presentación, os editores responsábeis de Urco Editora e Contos Estraños, falarannos das chaves desta nova etapa marcada pola unión de forzas e a necesidade de profesionalización da literatura fantástica en lingua galega.

Sinaturas de exemplares

Ademais das sinaturas improvisadas por parte das autoras e autores presentes no evento, a Libraría Cartabón de Vigo, situada na caseta número 19 da feira, organizará durante o sábado 8 e o domingo 9 sinaturas dos autores vencellados a Urco Editora Xosé Duncan e Tomás González Ahola.

O Sábado 8 a partir das 19:00, Xosé Duncan estará asinando exemplares da súa novela Hostal Norte (Urco Editora, 2014) e da triloxía de fantasía épica As Crónicas de Bran (Contos Estraños, 2013-2015), a primeira trioxía fantástica rematada en lingua galega.

O mesmo Sábado 8 a partir das 20:00, Tomás González Ahola asinará exemplares das súas novelas Galiza Mutante: Poder Nuclear! (Urco-Contos Estraños, 2013), Alaia e a Deusa (Urco Editora, 2014) e Derradeiro bis en catro-corenta (Redelibros, 2015).

O domingo día 9 a partir das 11:00 ambos os autores repetirán sinatura na mesma caseta, antes de iniciarse o acto de presentación de novidades.