Convocado o I premio “Antón Risco” de literatura fantástica 12th Maio 2015 – Posted in: Miscelánea, Mundo editorial – Tags: , , , ,

Urco Editora, en colaboración coa Fundación Vicente Risco, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e Restaurante Pingallo, convocan conxuntamente o «I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica», a fin de homenaxear o escritor e teórico da literatura alaricano Antón Martínez-Risco Fernández. Continuador do gusto polo fantástico do seu pai, don Vicente Risco (a quen podemos considerar introdutor do xénero fantástico na literatura galega coa obra Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros en 1919), Antón Risco foi un profundo teorizador da literatura fantástica con obras como Serpentáguila (Notas de un lector de poesía), Quebec (Canadá), Ediciones Hipogrifo, 1986; Literatura fantástica de lengua española (Teoría y aplicaciones), Madrid, Taurus, 1987; Viaxes á América Latina á procura de literatura fantástica. Sada (A Coruña) , Edicións do Castro, 1987. Tamén cabe salientar o seu labor de editor en Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega, Vigo, Galaxia, 1991. Asemade, foi prolífico escritor de novelas e relatos fantásticos, moitos deles aínda inéditos.

Por tal motivo e co fin de continuar o seu labor de divulgar o xénero fantástico convoca este premio conforme as seguintes BASES:

Primeira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega ou portuguesa conforme a unha das seguintes normativas: RAG, AGAL ou Acordo ortográfico da lingua portuguesa, cunha extensión mínima de 100 folios e máxima de 250.

Segunda: O prazo de entrega remata o día 31 de agosto de 2015 e os orixinais deberán entregarse na sede de Urco Editora, en Rúa do Avío, 11 baixo – 15705 Compostela, ben de xeito presencial, ben por correo postal ou mensaxería, sen que consten no exterior datos identificativos do/a autor/a.

Terceira: Para garantir o anonimato, os orixinais presentaranse por quintuplicado e en soporte papel en tamaño DIN-A4, mecanografados en letra Times de corpo 12 por unha soa cara e a dobre espazo, e debidamente encadernados.

Calquera orixinal entregado en letra Comic Sans será automaticamente descartado e o/a autor/a denunciado/a ante as autoridades competentes.

Os orixinais irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade do/a autor/a (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da obra.

Cuarta: A obra gañadora será premiada con 3000 euros (suxeitos ás retencións fiscais pertinentes) e a publicación do libro.

Quinta: O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura e da edición.

Sexta: Se a calidade literaria das obras no fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

Sétima: A contía do premio considérase en concepto de adianto polos dereitos de autor, polo que Urco Editora e demais convocantes, resérvanse o dereito de publicación da primeira edición da obra gañadora en lingua galega. O/A beneficiario/a do premio, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada e na adquisición doutros exemplares contará cun desconto do 50%. Asemade, a persoa gañadora do premio será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición.

Oitava: Os orixinais que non resulten premiados serán devoltos aos seus autores e autoras no caso de o requiriren por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.

Novena: O fallo do xurado terá lugar en Allariz, na Fundación Vicente Risco, o día 1 de novembro de 2015.

Décima: A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do xurado, que será inapelábel.

 

Podes descargar as bases en formato PDF : bases_I premio_Antón risco