Colección Alcaián 19th Abril 2010 – Posted in: Mundo editorial

Xa coñecedes ben a liña editorial de Urco. Apostamos por ela desde o comezo e seguimos crendo nesa aposta. Despois dunhas semanas de darlle voltas á idea na cabeza e de falalo moito, pensamos que podiamos dar un paso máis alá. Por que non apostarmos tamén por os nosos xéneros predilectos creados no país? É por iso que hoxe Urco Editora abre unha convocatoria de creación literaria aberto a todos vós. Requisitos? Só que as vosas obras sexan dalgún dos xéneros que nos caracterizan e, desde logo, que estean escritas en galego. Para cando? Pensamos recibir orixinais até outono e fechar o prazo o 31 de outubro deste mesmo ano. A onde tedes que mandalas? Ao enderezo electrónico rodrigovizcaino [en] urcoeditora.com. Como vos imaxinaredes, as obras que o merezan serán publicadas na nosa nova liña editorial de literatura feita no país: Colección Alcaián.

Esperamos que vos animedes a participar e non dubidedes á hora de mandar os vosos orixinais. Desexamos que eses escritores que levades dentro esperten e se decidan a compartir os vosos traballos.

Un saúdo e boa escritura!