Robert E. Howard e o terror sobrenatural 4th Abril 2008 – Posted in: Miscelánea, Novidades

O vindeiro luns entrará en imprenta o próximo título de Urco Editora: Relatos de terror sobrenatural, de Robert Erwin Howard. Se ben Howard é bastante coñecido por ser o pai de Conan, o bárbaro cimmerio levado posteriormente á banda deseñada e tamén ao cinema, non son demasiados os que coñecen a extensión da súa obra de xénero de terror sobrenatural.

Como colega e discípulo de H.P. Lovecraft, Howard trata os temas dos horrores primixenios, a memoria racial, os cultos perdidos e os deuses primordiais. Destaca como narrador áxil e efectivo, e con intereses especiais na historia e na etnoloxía.

Coa nosa próxima publicación agardamos dar a coñecer a un autor clave na literatura pulp, que contribuíu dun xeito moi especial ao desenvolvemento dos xéneros da fantasía heroica, a ciencia ficción e o terror modernos.